O Sonoro Maxín
O Sonoro Maxín “Galiza”
O Sonoro Maxín son un grupo ourensán que nace no ano 2007. O seu son caracterízase principalmente pola mestura de sons, combinando a guitarra co acordeón, a batería e o contrabaixo, creando unha fusión de estilos que vai dende a cumbia ata o reggae ou o ska.
No seu ideario está moi presente o uso da imaxinación na música, xa non só nas súas composicións, tamén cara o público, ao que convidan en cada peza a crear os seus propios pasos de baile, guiándose pola música de forma completamente libre, disfrutando da música e da festa que rodea ao concerto.
Os músicos que integran O Sonoro Maxín proveñen doutras formacións con moita sona no panorama musical galego, coma Lamatumbá, Mutenrohi ou The Pigmalions. Os seis membros do grupo, Abraham ‘El niño’, Xurxo Brea, Cris Asenjo, Samuel Algite, Xaime Mateo e Ico, son capaces de transformar calquera concerto nunha auténtica verbena.


