Festa da Marosa “Goza co saber dos povos”

16 e 17 de maio de 2008 Burela
Subscribe

Introdución

Como vén sendo habitual ao longo desta ducia de anos de historia da Festa da Marosa, os obxectivos deste encontro pasan por dinamizar a vida cultural do pobo, achegando este tipo de eventos á comarca da Mariña, e por unificar xeracións mediante o encanto da música.Con esta festa a organización quere, fundamentalmente e por riba de todo, transmitir un fondo compromiso de amor á terra, comprometéndose co xa fiel público e ao mesmo tempo levar ao escenario da Marosa actuacións de renome e calidade recoñecidos internacionalmente.

Entre as actuacións que, ao longo destes anos, teñen pasado polos escenarios da Marosa, compre subliñar algúns dos máis grandes intérpretes da música galega e non galega como Berrogüetto, Tejedor, Chouteira, Os Cempés, Lamatumbá, Jarbanzo Negro, Alberto Bundi, Os Diplomáticos, Mercedes Peón, Susana Seivane, A Matraca Perversa, Batuko Tabanka, Leilia, etc.

Así pois, para este ano a Festa da Marosa aséntase en dous días, nos cales poderemos gozar de actividades culturais intensas onde a música será o fío condutor. Os días 16 e 17 de maio a praia da Marosa converterase nun escenario natural para o teatro, os encontros gastronómicos e as actuacións de músicos de orixes ben diversas, que comparten o gusto polas músicas do mundo; durante os dous días que dura o festival aqueles que se acheguen ata Burela poderán gozar da música de Kepa Junkera, Bonovo, Manecas Costa, Sobre Rodas, Os Estoupacaldeiros, Banda Potemkin, Os Zarambeques ou O Sonoro Maxín.

Ademais, este ano a Festa da Marosa conta co musical Robin Hood, de Acontrabutaca Produccións, e co espectáculo de Circo Malabar de Cirkote. Como novidade, e co gallo do 20 aniversario da Asociación Cultural Batuko Tabanka, esta edición do festival organiza o primeiro xantar multicultural da Marosa; unha xornada de portas abertas na que poderemos degustar os produtos típicos que compoñen a gran cociña de Burela Babel.

A Festa da Marosa busca transmitir un fondo compromiso de amor á terra, comprometéndose co seu público xa fiel e atraendo cada vez a máis persoas, que unha vez que proban, repiten. A mensaxe que transmite a Festa da Marosa reflicte os aspectos máis positivos da emigración: o respecto, a aprendizaxe e o diálogo, resumidos nunha palabra crioula: SABI!!!